Nese angosto corredor que é o Avante, cunha enchenta que ni la virghen, sostiña un vaso de licor café cando toda a peculiar fauna que atiborra dito antro comezou a saltar, de tal xeito que ocorreu a devandita desgraza. A camiseta branca, recentemente lavada pola miña nai, cun lamparote do millón o que consecuentemente che transforma no borracho do pueblo. Tal reacción producida na xente debeuse a que soou unha canción que tiña por retrouso:
“Sito Miñancoooo, preso político !! aurrera aurrera aurrera aurrera”
“Sito Miñancoooo, preso político !! aurrera aurrera aurrera aurrera”
Temarraken mítico das noites galegas. O que me lembrou que tempo atrás lin que nun xuízo contra o narcotraficante Sito Miñanco, este solicitara declarar en galego, sendo denegada a petición e tendo que facelo en castelán, o que inevitablemente converteu a Miñanco nun preso político pola defensa do idioma, situándose ao carón de Alexandre Bóveda, e posicionándose como posible homenaxe para o Día das Letras Galegas.
O tema concluíu e foi seguido por un dun tal Maduro ou non sei que historia, cando de repente pasou o meu carón un cheo de moscas duns 50 tacos que non paraba de repetir que os Papaqueixos eran: “un subproducto dunha experimentación xenética nunha estación cósmica soviética, procedentes da República de Chechenia, resultando unha mestura catalizada en Treixadura dos Modern Talking e Carlos O’Xestal. Refuxiados políticos no Reino da Galiza despois da súa tentativa fracasada de fundar o Partido dos Traballadores do Vaticano. Soan contundentes como só saben facer os mineiros rumanos “.
Meu Pai! Como está a xeración X. Con todo, pregunteille ao cheo de moscas sobre iso dos Papaqueixos, e contestoume que ía o baño e despois contábame. Por tanto, saín a fora a joderlle o pitillo, cando nun par de minutos chegou o cheo de moscas con moita euforia do noso señor, declarando que simplemente mexara, que el antes si pero agora non... En fin, contoume que Papaqueixos foi un grupo dos noventa cando o Bravú estaba na crista da ola, que el era curmán de Manolo Montero, e estivo nos inicios da banda, cando polo ano 93 na Coruña xuntouse este con Antón Díaz e Paco Ramos, chegando despois o Fran Amil e o cósmico gaiteiro de Xan Xove. O cheo de moscas asegurou que posuía o cassette ca primeira maqueta “Esplendor e caída da cantiga do moinante”, e que un tema seu, “Matias o morcego” foi incluido na compilación de Unión Bravú (Edicións do Cumio 1996), onde por aquel tempo ensaiaban nun local compartido con Luar Na Lubre, na Asociación de Veciños da Agra do Orzán.
Así que camiño da miña casa púxenme a escoitar o único disco que teñen, dispoñible no Youtube. Un LP do 1999, “A lóxica aplastanante do comité de propaganda”, pertence a Discos Trompo. Conta cun total de 18 temas, comezando con instrumentais onde se plasma a fusión do folk e punk rock, en cancións coma “Mai löb is güetin’ faregüei” , “Retello a”, “Quin2tres” ou “Bachalhastrum”. Seguidamente chega a mitiquez, “Teknotrafikante (farloppo ma non troppo)” cun retrouso para historia deste país, para seguir co emblemático “Matías O Morcego”. Temos un espectacular son de gaita no tema “Grozni”, e incluso contamos con ritmos africanos no “Retello C”. Así pois, Os Papaqueixos adaptan tres cancións como “O Rabisaco” do gaiteiro escocés Gordon Duncan, “Contrabando de palletas nos Ancares” e “O paraguas do José “ da charanga de Cuco Velle.
En definitiva, un álbum no que se mestura rock, ska, punk, folk, cuns temas que por momentos recordan a icónica banda Jethro Tull. Cheos de retranca lírica e de instrumentais onde as guitarras, frauta travesa, baixo, batería ou a gaita van formando un espazo sonoro festeiro, que consegue transmitir o espírito presente en tódalas foliadas.